Hoxe foi presentado o proxecto do novo parque de Navia pola Consellería de Vivenda e Solo nunha rolda de prensa no Museo do Mar de Galicia en Alcabre. A licitación das obras para o novo parque de Navia terá lugar o próximo mes de maio , terá unha superficie de máis de 100.000 metros cadradros e espérase que estea listo a finais de 2008. O futuro espazo verde de San Paio de Navia, que está a desenvolver a Consellería de Vivenda e Solo, contará cunha gran praza central de 3.000 metros cadrados próxima aos edificios, que disporá dun escenario para espectáculos e actuacións. Ademais, unha terceira parte da superficie desa praza central terá unha cuberta de tela que a protexerá do sol e a choiva, e ao fondo da praza instalaranse xogos de luz e auga. A praza tamén incluirá unha zona de ocio, probablemente unha cafetería, para o disfrute de todos os usuarios do Parque Verde de San Paio de Navia. Este será un dos elementos identificativos do espazo verde que esta a desenvolver a Consellería de Vivenda e Solo, e que nos próximos días será presentado en Vigo pola conselleira, a nacionalista Teresa Táboas.Outro elemento fundamental no parque é a auga, tal
e como suxeríu no seu momento o xurado que elixiu o proxecto gañador do concurso de ideas convocado para o deseño do espazo verde. Nese sentido, a auga pasa a ser un elemento fundamental do parque, dando unha gran presenza visual ao conxunto e creando espazos de relax e divertimento. A auga estará canalizada a través de estanques, fontes, cascadas e remansos que darán lugar a xogos de auga e combinacións diferentes da utilización deste elemento ao longo de todo o parque.Espazo sustentábel
O espazo verde de Navia divídese en dúas grandes zonas, unha máis urbana a carón dos edificios que rodean o parque, e outra parte marcada pola presenza de espazos verdes con abundante vexetación, cunha diversidade de árbores de folla caducifolia que permitirán variar a cor e a densidade da follaxe ao longo das estacións. Outro dos elementos sigficativos do parque será a utilización de paneles solares que irán albergados e disimulados nos teitos das pergolas que están dispostas ao longo de todo o percorrido. A instalación destes paneis permitirá o autoabastecemento de enerxía eléctrica do conxunto do espazo verde, cumprindo así outro dos requirimentos que quería potenciar a Consellería de Vivenda e Solo, como é sustentabilidade do parque.
Orzamento
A Consellería de Vivenda e Solo investirá 6,2 millóns de euros na execución das obras de ordenación do espazo verde de Navia, co obxectivo de que se converta nun espazo de convivencia para as 4.000 familias e unidades convivenciais que residirán no ámbito unha vez creado todo o entorno de vivendas protexidas, e tamén un lugar de encontro para os veciños da parroquia de San Paio de Navia, e para os cidadáns de Vigo en xeral. Non en vano será a segunda zona verde da cidade cunha superficie de 90.000 metros cadrados.




No hay comentarios:
Publicar un comentario